Os Pactos Territoriais de Emprego (PTE), entre eles o da Costa da Morte, están recollidos no Acordo sobre un Novo Marco de Relacións Laborais en Galicia, subscrito no marco do Proceso de Diálogo Social aberto pola Xunta de Galicia xunto cos axentes económicos e sociais mais representativos de Galicia. Este documento está integrado por nove acordos concretos, que abarcan os diferentes aspectos da concertación social.

Como sinala o Decreto 98/2008 de 15 de maio, os PTE supoñen esencialmente un incremento e unha planificación e xestión coordinada do conxunto de recursos públicos que se destinan ao emprego nunha zona, co obxectivo de estar á fronte do plan de emprego para propoñer os criterios e aprobar a proposta de planificación e programación, e facer o seguimento e avaliación das medidas que se adopten.

Mapa_pacto

O PTE Costa da Morte está integrado polos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas. A súa composición abrangue, ademais dos concellos mencionados, á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, e ás organizacións empresariais e sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma.

O PTE Costa da Morte estrutúrase en torno á Asemblea Xeral e o Comité de Dirección, co apoio dunha comisión técnica, que se materializa nunha Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD Pacto Territorial de Emprego da Costa da Morte).

Coa creación deste blog,  a UPD Pacto Territorial de Emprego da Costa da Morte pretende difundir e dar a coñecer o traballo realizado desde esta Comisión Técnica.

Advertisements